· 

Xosé Conde Corbal pintor de Galicia

Xosé Conde Corbal

XOSE CONDE CORBAL

1923 - 1999

 

Neto e único afillado de D. Benito Corbal Estévez, vén ó mundo Xosé Conde Corbal no número 36 principal da rúa que Pontevedra dedícalle ó seu avó, nunha casa, de estilo portugués e con xardín traseiro, que non existe na actualidade. Fillo de José Conde Pérez, nacido no lugar de Casardomato, «do Miño arrabaldés», (Ourense) que marchara de emigrante a Cuba cando tiña dez anos, e de Trinidad Corbal Souto.
Aprende as súas primeiras letras nun colexio de pago da rúa Michelena, o de Doña Estrellita. Pasa despois ó Colexio Balmes, de D. Gerardo Santos, na praza de Méndez Núñez. Pasa os veráns, ademáis de botar tempadas na praia de Os Placeres, no pazo de Ramiráns perto de Untes, camiño de Ourense. En Ramiráns sae ó monte coas vacas, traballa nas vendimas, na colleita do millo e nas esfolladas onde aprende coplas de maldicer e a fala popular recibindo a derradeira lección nos contos de lareira.
Co tempo trasladouse ó número 33 da rúa Michelena, onde vivía no segundo andar do mesmo edificio, e traballaba nun laboratorio que instalara no terceiro, Bibiano Tafall profesor que tiña a amabilidade de o levar ó Instituto nun Ford pequeniño, Ford que, no 1936, acabou a súa rodaxe na Feira de Pontevedra, esnaquizado contra o muro das Clarisas. Deste profesor, que daquela daba clases de Agricultura, adquiriu a preocupación pola Bioloxía. Estudiou despois no colexio que dirixía Blas Arias onde, ademáis de face-lo Bacharelato, aprendeu a entona-los himnos nacionais. Gracias á xenerosidade de Alejandro Mon pudo ler libros daquela prohibidos, aproveitando a tertulia que se reunía no seu despacho.
Ía para arquitecto por desexo do seu pai pero a morte deste provocou que tora estudiar a Santiago Dereito e Químicas, carreiras que non rematou. Fíxose mestre nacional e desplazouse a Madrid á fin de intenta-lo ingreso na Escuela de Montes onde, a pesares de suspender, recibiu a felicitación de D. Daniel de la Sota polo seu exame.
Tralo paso pola Milicia Universitaria, de onde o botaron por fallas á lista de retreta, marcha de soldado a Melilla sendo ascendido a cabo, pola «promoción do dedo»: un, dos, tres... usted cabo, polos servicios prestados na Clínica de Piel y Venéreo.
Trasládase a Benavente onde adquire unha cerámica na que, ademáis de facer ladrillos, intenta moldea-lo barro: «Oficio noble y bizarro / entre todos el primero / pues en el arte del barro / el hombre fue el primer cacharro / y Dios el primer alfarero”. En Benavente colabora con «El Imperio» de Zamora. Escribe sobre Fr. Toribio de Benavente, creador da primeira Universidade Americana, e sobre Beato Sebastián Aparicio, primeiro transportista de Nova España pois levou a roda para o carro. Tamén fai memoria de Fernando Andrade “o Bo” e dos Condes de Benavente, oriundos de Sarria. Tralo fracaso da empresa regresa a Galicia e, en Pontevedra, traballa de capataz na construcción da fábrica Cros. Despois vaise a Lobios, na raia seca con Portugal, para organizar unha mina de wolframio na serra do Xures (Altar dos Cabroes): «O wolframio é pedra escura / que toda a xente precura / dentro do noso País / pedra preta e relucente / que ten feito a moita xente / a moita xentiña feliz».
Instálase en Ourense, onde realiza proxectos para locáis por conta da cristalería La Belga. Foi daquela, nun verán que debeu ser o do 1957 e xa con cinco fíllos, na tempada que pasou en Meloxo cando o seu amigo Jacobo Várela o animou a face-las súas primeiras acuarelas («Non teño campos nin leiras / nin terrinas que labrare / pero teño unha domina / e tódalas augas do mar»). Con estas acuarelas fai a súa primeira exposición no Liceo de Ourense. Foi nunha segunda exposición, tamén en Ourense, cando lle pediu ó daquela director de La Región, Ricardo Outeiriño, que realizara uns debuxos para publicar no periódico. Don Vicente Risco ofrécese a lle face-los pés (as veces D. Vicente, e hai unha dedicatoria na que consta, titulábase «o pedicuro» de Conde Corbal). Esta sección chamábase «El Orense Perdurable». Saía os domingos na primeira páxina de La Región e, de alí, pasou a La Hoja del Lunes co título de «Pueblos y ciudades de Galicia». Deste tempo son as primeiras reunións no «Tucho», bar a onde os levara Agustín García Pereira e onde se xuntaban para toma-las copas. As tertulias celebrábanse daquela no «Miño», no «Alaska» e no «Parque», onde se falaba de todo e pódese dicir que era entón Ourense «unha Universida-de na que non se pagaba».
A morte de D. Vicente Risco lévao a colaborar no Faro de Vigo, sendo director o Sr. Cerezales. Realiza para o Faro reportaxes con Magar e Xerardo González Martín: «A ruta do Miño», «O embalse de Portomarín» (eles tres foron as últimas persoas en saír de Portomarín denantes de ser asulagado). Con Celso Emilio Ferreiro e Siorty realiza «Desde a ponte de Ourense a Sé de Braga» ruta insólita na que pasaron, por primeira vez dende a Guerra Civil, por Pórtela de Homem. Con Alvaro Cunqueiro fai un extra neste mesmo periódico, sobre Santiago e as súas devocións.
Coa fundación do Diario de Pontevedra reencontrase con vellos compañeiros: Huete, Antonio Gabriel, González Martín, Cuña Novas... Son desta época as romaxes de Amil, O Corpino, etc., e mais unha sección dominical sobre cruceiros, petos e santos. A súa colaboración con este periódico acabou cunha serie diaria titulada «El Miño non une con Portugal», sendo director do Diario Luis Losada. Ven de seguido un corto período madrileño, xa con oito fíllos, para colaborar na revista «Chan» onde ilustra artigos de Otero Pedrayo e fai alí, en Madrid, un mural para a Banca Nationale di Laboro. Volta a Galicia para ficar en Vigo onde se dedica con intensidade ó grabado (estampación) concluíndo as series sobre ValleInclán e outras que foron saíndo, algunhas aínda inéditas.
M. J. Tiscar

 

Xose Conde Corbal

falece en Vilagarcia de Arousa no 1999