Libros de artista

O Libro de artista é unha obra de arte

 

Esta afirmación indica a calidade artística do libro de artista, diferenciación fundamental co que poderiamos denominar “libro común”.

O libro de artista é unha obra de arte, concibida e realizada por un artista visual na súa totalidade ou, no caso de  obra editada, cun control total sobre o resultado final da edición.

O libro común é un produto industrial, que pode conter obras de arte literarias ou ilustracións de obras de arte, pero non está concibido como obra de arte. 

O libro de artista é un medio de expresión iniciado na segunda metade do s. XX, con innumerables antecedentes na historia da cultura.

Entre os antecedentes máis próximos: Os poetas Mallarmé e Apollinaire, os futuristas italianos, os dadaístas e os constructivistas rusos, todos eles vinculados á ruptura do texto e da páxina tradicional. Marcel Duchamp, vinculado aos movementos DADA e surrealista e innovador de mil ideas artísticas. As novas formas de concibir os obxectos dos surrealistas e as obras dos poetas concretos e visuais dos anos 60, pola súa nova visión do texto e do valor plástico da páxina.

 

Con esta experimentación, o libro aborda unha es­critura que non é soamente literaria, é plástica. Comézase a utilizar este medio, tradicional vehícu­lo de textos literarios ou teóricos, para outro uso: o da experimentación plástica.

 

Os artistas toman o formato “libro” como base de novas buscas artísticas, pero ademais do formato tradicional, optan por calquera dos soportes históricos de transmisión de ideas, nunha revisión da historia do libro e da escritura.

 

Iníciase a era do libro de artista, como medio autónomo de expresión plástica, á marxe do libro tradicional, coas obras de Ruscha, que inician este concepto actual do libro de artista, segundo a historiadora: Anne Moeglin-Delcroix (Esthétique du livre d'artiste. Bibliothèque Nationelle de France, París,1997). Toma conciencia do libro como unha entidade artística propia, creándose un novo xénero independente dentro das BBAA, que será, polo tanto, un xénero da arte contemporánea; con parámetros novos, totalmente diferenciados da pintura, da escultura ou de obras literarias presentadas en libros normalizados.

 

Os libros de artista están, pois, a medio camiño entre os soportes tradicionais da expresión escrita e as obras plásticas convencionais (pintura, escultura, etc.). A aproximación a un lado ou ao outro deste espectro achegaranos ás distintas tipoloxías do libro de artista; unhas veces próximas ao textual e outras totalmente pictóricas ou escultóricas.

O carácter totalmente interdisciplinario do libro de artista ofrece infinitas posibilidades coa combinatoria de técnicas artísticas, oficios artesáns, textos, etc., permitindo unha gran liberdade creativa.

 

A secuen­ciación do paxinado, coa introdución do factor temporal na obra e o xogo participativo do lector / manipulador, serán compoñentes tomados do libro común. O libro de artista engade, ao mesmo tempo, o compoñente sensitivo: táctil, olfactivo, mediante os materiais empregados e manipulados. Adopta, tamén, outras calidades dos libros comúns: o seu doado manexo e portabilidade e no caso de edicións amplas ou abertas, a gran capacidade difusora que levou historicamente ao libro a ser a peza fundamental na propagación cultural, como ben aproveitou o movemento Fluxus.

 

As características descritas dan como resultado unha enorme variedade de obras. O intento de etiquetar, clasificar ou ordenar, o amplo universo dos libros de artista, parece unha tarefa imposible, e é máis, talvez sexa unha forma de restar a liberdade creativa que permite facer de cada obra un mundo propio; non obstante, parece que un elemental intento de clasificación podería aclarar tan diferentes resultados e ao mesmo tempo dar a coñecer o amplo panorama que presentan.

 

Os libros de artista, non se localizan habitualmente dentro do ámbito editorial, encóntranse inmersos no mercado da arte como os cadros e as esculturas, aínda que pode participar de ambos os dous circuítos. 

 

José Emilio Antón.

Artista visual.

Centro de Arquivo Documental sobre o Libro de Artista

Madrid, 2013

* Para ampliación de documentación, pódese consultar:

“O libro dos libros de artista”, de José Emilio Antón e Ángel Sanz.

Editorial L.U.P.I., Bizkaia, 2012.

ISBN: 978-84-938010-4-5



FAGASE SOCIO DA GALERIA

A SUA COLECCIÓN DENDE 15 EUROS AO MES

SOLICITE MAIS INFORMACION


Se desexa estar ao día de todas as novidades de Galería Circular:

SUSCRIBASE

Se desexa coñecer os próximos obradoiros:

SUSCRIBASE

Se está interesado/a en ser socio/a da Galería:

SUSCRIBASE